Saturday 20 de April de 2024

A Xunta destina máis de 30.600 euros á recuperación ambiental dunha Área Recreativa no concello de Rois


A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe as actuacións financiadas ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe as actuacións levadas a cabo no concello de Rois, para o acondicionamento e recuperación ambiental da área recreativa de Oín, na que a Xunta investiu este ano máis de 30.600 euros no marco da convocatoria do Fondo de Compensación Ambiental.
Ao abeiro deste fondo, o Goberno galego tamén destinou este exercicio outros 24.000 euros á ampliación do abastecemento en varios núcleos do municipio, polo que o investimento da Xunta este ano en Rois acada os 54.800 euros.
O proxecto financiado para recuperar na área recreativa de Oín inclúe traballos como a limpeza dos muros, a reparación do lavadoiro e a adecuación do entorno co cambio do pavimento actual. Ademais, prevese a colocación de luminarias, mesas de picnic e un valo de madeira, co obxectivo de convertela nunha zona de atractivo turístico e para atraer poboación.
Durante a visita, a directora xeral de Administración Local destacou a importancia da colaboración entre as administracións para levar a cabo actuacións dirixidas a mellorar os servizos municipais e a calidade de vida dos veciños. Ademais, sinalou o apoio do Goberno galego aos concellos a través de distintas liñas de subvencións e convenios, que na actualidade adquiren máis relevancia tendo en conta as consecuencias económicas da crise sanitaria do coronavirus.
A Administración autonómica vén colaborando co concello de Rois nos últimos anos en melloras no saneamento e abastecemento de distintos núcleos do municipio, en actuacións de eficiencia enerxética no alumeado público, na adquisición de maquinaria para labores ambientais ou na instalación de novos pavimentos en vías e infraestruturas públicas.
Ademais, destaca a colaboración do concello en proxectos conxuntos con outras entidades locais. A Xunta colaborou en todas estas iniciativas nos últimos anos cun investimento de case 579.000 euros, tanto mediante o Fondo de Compensación Ambiental como da Orde de infraestruturas de uso publico.
Fondo de Compensación Ambiental

O Fondo de Compensación Ambiental, a través do que se financia a recuperación ambiental da área recreativa de Oín, permite desde 2010 que os concellos se beneficien das explotacións eólicas instaladas na súa contorna. Para este ano conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros. No marco deste fondo, a Xunta financia actuacións nos concellos dirixidas ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos de Galicia.